A Deputación da Coruña, desde a área de Dereitos Civís, e co cofinanciamento da FEMP, levou a cabo en xullo de 2025 traballos de busca de Manuel García Hermo, a instancia da súa filla Carmen García Neira, de 100 anos, que buscando a seu pai desde que, durante o golpe de estado de 1936, foi secuestrado á saída do seu traballo en Ribeira, cando ela tiña 11 anos. O inicio dos traballos de exhumación tiveron lugar na porta do cemiterio de Vilaboa, nun acto no que estaban presentes tamén, ademais da deputada, Sol Agra; a alcaldesa de Lousame; Teresa Villaverde e os portavoces dos grupos políticos da oposición; o cura párroco; o forense Fernando Serrulla, coordinador dos traballos; o arqueólogo Andrés Bonilla; e por parte da familia, o seu neto Marcial García.
“A busca dos mortos que aínda quedan nas cunetas e fosas comúns de moitas partes de Galiza é un deber moral e un deber legal. Non poderemos camiñar nunha sociedade plenamente democrática se os nosos pés pisan os cadáveres das persoas que loitaron polos dereitos dos que hoxe desfrutamos. Non é unha cuestión de nostalxia, nin de vinganza, é un acto de reparación e xustiza. Precisamos recuperar a memoria para que a historia se coñeza e se devolva a dignidade ás vítimas e ás súas familias. Aquí non houbo unha batalla con mortos dos dous lados, Manuel García Hermo non era un soldado que perdeu a vida na guerra, non pertencía a ningún exército, foi secuestrado e asasinado por defender a legalidade vixente, a democracia fronte á tiranía, os dereitos fronte á opresión. Atopalo e devolverlle os seus restos á súa filla é o noso deber e o noso empeño. Porque antes de nós houbo outras, e é importante poñerlles nomes, saber da súa historia, para recordar que desas outras persoas vimos e non queremos que queden no esquecemento”. Sol Agra, Deputada.
O equipo que levou a cabo os traballos de busca da fosa e exhumación está formado pola empresa de arqueoloxía Prospectiva y Análisis Arqueólogos S.L.P., dirixida polo arqueólogo Andrés Bonilla, coa colaboración do antropólogo forense Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia. A familia conta co apoio institucional da Deputación da Coruña, que financia o proxecto con fondos propios e axudas proporcionadas a través da Federación Española de Municipios e Provincias. A empresa de xornalismo audiovisual Xarda documentará a intervención e realizará un documental sobre a difícil e desafiante historia dunha filla que leva 89 anos buscando ao seu pai.
Por primeira vez en Galicia, todo o proceso conta co apoio e a supervisión da Fiscal de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da provincia da Coruña, Encarnación Mayán Santos, en aplicación da vixente Lei de Memoria Democrática e en coordinación coa Unidade de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado. A busca comezazou o 14 de xullo de 2025 no cemiterio de Vilacoba.
Ademais, durante esta investigación tamén se traballou en localizar outras catro vítimas que tamén poden estar enterradas nalgunha fosa común neste cemiterio: os tres asasinados no chamado “crime de Marcelle” en febreiro de 1938: Perfecto Félix Vilas Romero, María Xosefa Becerra Laíño e Antonio Vilas Romero; e o mineiro asturiano Avelino Méndez Suárez.
A familia de Manuel solicitou ao equipo multidisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Medicina Legal de Galicia a busca, recuperación, identificación e devolución dos restos do seu pai, Manuel García Hermo, no marco do Plan Cuatrienal de Exhumación en Galicia do Goberno de España. En 2022, o devandito equipo rexistrou o cemiterio de Vilacoba (Lousame, A Coruña) e atopou os restos dun home con signos de violencia. Desafortunadamente, a análise xenética confirmou que os restos deste home non eran os de Manuel García Hermo.
Carmen García Neira, a súa filla, Elena Neira, e outros membros da familia decidiron iniciar unha segunda busca tras obter nova información proporcionada pola Arquidiocese de Santiago de Compostela e o historiador local Xerardo Agrafoxo.
Velaquí a nova desde Canal Rías Baixas.








