Recursos para as aulas

SINALADAS, unidade didáctica

Captura de pantalla 2026 05 01 a las 9.55.53

A memoria e a loita das mulleres

A partir da exposición SINALADASA loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión, impulsada pola Deputación da Coruña e realizada pola xornalista e investigadora Montse Fajardo, as docentes e escritoras Beatriz Maceda e Eli Ríos elaboraron material complementario para as aulas, propostas didácticas para distintos níveis educativos: Primaria, ESO e Bacharelato.

O contido está deseñado para fomentar o pensamento crítico e a memoria democrática nas aulas galegas. Analizaremos como o proceso de “depuración” afectou a miles de docentes que foron apartados das súas prazas, perseguidos ou encarcerados polas súas ideas pedagóxicas innovadoras ligadas á Institución Libre de Enseñanza ou ao movemento galeguista. O propósito desta unidade didáctica é recuperar a parte da nosa historia que permanece no esquecemento e, especialmente, a memoria de todas aquelas mulleres defensoras dos dereitos humanos, sociais, laborais, afectivo-sexuais etc. que construíron os andamios dun futuro de paz e liberdade, que hoxe herdamos, e que foron inxustamente asasinadas, encarceradas, torturadas, represaliadas, fusiladas ou que padeceron o exilio.

Nesta unidade didáctica preséntase, ademais, unha serie de propostas que fomentan o desenvolvemento dunha capacidade crítica por parte do alumnado grazas a unha participación activa na toma de decisións, á creatividade, á desmitificación da ciencia como unha actividade neutra, á análise dos conflitos sociais e á reflexión profunda. Propoñemos, en definitiva, unha concepción da historia como disciplina en construción da que poden formar parte non só como persoas receptoras e reprodutoras senón tamén como produtoras de información e motor do cambio social na actualidade.

Metodoloxía

Proponse unha metodoloxía activa baseada na investigación de fontes primarias. O alumnado traballará con facsímiles de expedientes de depuración reais, recortes de prensa da época e entrevistas en vídeo de familiares de docentes represaliados.

“A escola non pode ser allea á realidade social. Esta unidade busca conectar o pasado co presente para construír un futuro máis libre e consciente.”

Material para descargar

Compartir

Scroll ao inicio