Logo do éxito da primeira edición de FAI MEMORIA, esta xornada senlleira de formación para docentes arredor da memoria histórica tivo unha nova edición o 25 de abril de 2026 no CENTRO SOCIOCULTURAL MARUXA E CORALIA en Santiago de Compostela. A finalidade desta iniciativa é converterse nun punto de encontro anual do profesorado que ten vontade de facer memoria nas aulas, de darlles materiais e recursos para que iso sexa posible.
“Hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando e que forman parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos desfrutar”, facendo fincapé en que “especialmente invisibilizadas foron as mulleres. Cómpre reforzar o traballo ao redor da memoria democrática nas aulas nun contexto no que medran discursos fascistas, incluso entre a mocidade. Reflexionar sobre o pasado é fundamental para evitar a repetición dos mesmos erros no presente. Por iso é clave ofrecer ao profesorado ferramentas que lles permitan abordar estes contidos de maneira crítica e contextualizada”. Afirmou Sol Agra Tuñas, Deputada de Dereitos Civís na presentación da xornada.
A cita reuniu ao longo de toda a xornada profesionais do ensino, investigadoras e divulgadores que abordarán distintas maneiras de traballar a memoria democrática nas aulas e fóra delas. A sesión de mañá abrirse ás 10.00 horas coa intervención de Sol Agra Tuñas, deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que tratou a “A necesidade da memoria das aulas”, centrada no papel da educación na transmisión da memoria democrática colectiva.
A continuación, ás 10.15 horas, Carlos Rodríguez Pérez e Nee Barros ofreceron o relatorio “Roteiros para a memoria: recursos para docentes”, no que se presentaron ferramentas prácticas para incorporar as camiñadas como dinámicas de memoria no ensino e coñecer os lugares da memoria.
Ás 11.00 horas foi a quenda de “Filmes para a memoria. Propostas audiovisuais para traballar a memoria na aula”, unha sesión a cargo de María Xesús López Escudeiro e Coral Piñeiro, creadora do filme “Dores”, na que se analizará o potencial do audiovisual como ferramenta pedagóxica para a memoria.
Tralo descanso, ás 12.30 horas, Miguel García-Fernández abordou a relación entre memoria e literatura infantil e xuvenil desde a súa experiencia na Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde a Directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e desde a divulgación na súa conta de Instagram @lectureo
Xa pola tarde, o programa traslados ás rúas de Compostela cun roteiro sobre as pegadas de Federico García Lorca na cidade, guiado por Henrique Alvarellos, editor e escritor, responsable da Editorial Alvarellos, especializada en memoria histórica e con abonda documentación sobre a obra e a vivencia de Federico García Lorca en Galicia.
A partir das 18.00 horas, o docente e investigador Carlos Callón ofrece unha intervención sobre a ocultación da disidencia sexual no currículo escolar baixo o título “Cantas lésbicas coñeces na historia da Galiza?”.
O peche da xornada estivo dedicado ás experiencias de divulgación en internet, coa participación de proxectos senlleiros como Terra e Memoria, do grupo de investigación da USC Histagra, presentado por Sara Flores Martín e Alejandro Rodríguez Barreiro; A do Chinto, con Leti Mayán e A ferida aberta no 36, un podcast creado por Nuria López, xornalista da Radio Galega.
Fai memoria!
“Fai memoria!” é o que lle dicimos a alguén cando queremos que lembre algún dato, acontecemento ou feito do pasado. Xogando con esta expresión, o titulo da iniciativa procura estimular as/os docentes a que contribúan a manter viva a memoria histórica do país, dala a coñecer entre o alumnado e promover a reflexión sobre o pasado, con ollada de presente para definir o futuro que queremos para a nosa sociedade. No currículo escolar a penas existen espazos para a reflexión sobre o noso pasado recente e hai feitos, movementos, persoas (nomea e principalmente mulleres)… que seguen a ser descoñecidas para o conxunto da sociedade e moito máis para a mocidade, figuras e movementos que tiveron vital importancia para a conquista dos dereitos civís dos que agora gozamos. Para conseguirmos unha cidadanía crítica e con capacidade de pensamento e decisións propias, cómpre dar a coñecer os alicerces sobre os que se asentou a nosa sociedade, os capítulos da historia dos que non falan os libros de Historia, a memoria silenciada das persoas que viviron a represión e loitaron pola liberdade.
Para a recuperación desta memoria cómpre termos a complicidade de docentes, que promovan o coñecemento, a reflexión e o debate entre o seu alumnado. E para iso é fundamental contribuír á súa formación, propiciando espazos de encontro e intercambio, posibilitando o traballo en rede, ofrecendo experiencias de éxito como inspiración e impulso e creando e compartindo materiais (testemuños, libros, filmes, unidades didácticas, roteiros e todo tipo de experiencias) que teñan cabida na aula tanto na parte curricular coma na extraescolar (titorías, excusións, clubs de lectura…)

















