“Fai memoria!” é o que lle dicimos a alguén cando queremos que lembre algún dato, acontecemento ou feito do pasado. Xogando con esta expresión, o titulo da iniciativa desenvolvida pola área de Dereitos Civís procura estimular as/os docentes a que contribúan a manter viva a memoria histórica do país, dala a coñecer entre o alumnado e promover a reflexión sobre o pasado, con ollada de presente para definir o futuro que queremos para a nosa sociedade. No currículo escolar a penas existen espazos para a reflexión sobre o noso pasado recente e hai feitos, movementos, persoas (nomea e principalmente mulleres)… que seguen a ser descoñecidas para o conxunto da sociedade e moito máis para a mocidade, figuras e movementos que tiveron vital importancia para a conquista dos dereitos civís dos que agora gozamos. Para conseguirmos unha cidadanía crítica e con capacidade de pensamento e decisións propias, cómpre dar a coñecer os alicerces sobre os que se asentou a nosa sociedade, os capítulos da historia dos que non falan os libros de Historia, a memoria silenciada das persoas que viviron a represión e loitaron pola liberdade.
Para a recuperación desta memoria cómpre termos a complicidade de docentes, que promovan o coñecemento, a reflexión e o debate entre o seu alumnado. E para iso é fundamental contribuír á súa formación, propiciando espazos de encontro e intercambio, posibilitando o traballo en rede, ofrecendo experiencias de éxito como inspiración e impulso e creando e compartindo materiais (testemuños, libros, filmes, unidades didácticas, roteiros e todo tipo de experiencias) que teñan cabida na aula tanto na parte curricular coma na extraescolar (titorías, excusións, clubs de lectura…) A finalidade desta iniciativa é converterse nun punto de encontro anual do profesorado que ten vontade de facer memoria nas aulas, de darlles materiais e recursos para que iso sexa posible. Sol Agra Tuñas, Deputada de Dereitos Civís.
A primeira edición desta xornada formativa, que nace con vocación de continuidade, celebrouse no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela. Podedes descargar o programa aquí. Tamén de dispoñibilizaron materiais didácticos para traballar materiais nas aulas, aos que podedes acceder a través premendo aquí.
Na sesión inaugural, Sol Agra Tuñas, deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presenta as xornadas e reflexiona sobre a importancia de preservar a memoria nas aulas como ferramenta clave para educar en igualdade, conciencia crítica e valores democráticos. Unha intervención que convida a pensar no papel da educación como espazo de transformación social.
A literatura tamén é memoria e nesta xornada contamos con diversas achegas. A experta en mediación lectura Pilar Sampedro explorou coma os distintos xéneros da Literatura Infantil e Xuvenil: teatro, a novela, a poesía e o álbum ilustrado se converten en ferramentas clave para traballar a memoria histórica desde as aulas. Sampedro achegou a actualización so seu traballo Memoria Histórica na LIX galega, un recurso creado pola Asociación de Memoria Histórica do Barbanza, para integrar a reflexión crítica e a memoria no ámbito educativo a través da lectura dispoñible para descarga aquí.
Na xornada da mañá de Fai memoria tivo lugar una mesa de escritoras, diferentes creadoras galegas comparten as súas obras e reflexións arredor da memoria histórica desde xéneros e perspectivas diversas, con cadansúa obra: Paula Carballeira debullou As alumnas (Premio Nacional de Teatro), sobre a represión no ámbito docente, e Daniel no peirao, sobre a infancia de Castelao. As dúas editadas en editorial Galaxia.
Susana S. Aríns explorou a relación entre poesía e memoria familiar na súa senlleira obra Seique, publicada en Através Editora, galardoada co Premio á mellor obra de Narrativa na V Gala do Libro Galego en 2020. A edición en castelán Dicen foi recoñecida como mellor libro ficción de 2019 pola Asociación de Librerías de Madrid.
Iria Morgade achegounos A memoria debuxada a través da obra da súa autoría Quen escribirá a miña historia? (editorial Galaxia) Premio Antón Losada Diéguez 2024, na categoría de creación literaria, que trata sobre o campo de concentración do Mosteiro de Oia no inicio da Guerra Civil.
Carme Vidal falou da colección Pequena Memoria de Xerais, concretamente da súa obra O triángulo vermello, sobre a historia da activista política Mercedes Núñez, o seu devir na Guerra Civil e na Segunda Guerra Mundial. Un álbum con ilustracións de Belén Diz.
O teatro tivo tamén o seu espazo na xornada da mañá, explorando A memoria silenciada das irmáns Touza a partir da obra A nai de Amorodio Teatro. Carmen García Facorro e Javier Castiñeira García presentaron a peza teatral arredor da memoria das irmás Touza, unha historia marcada pola loita, a dignidade e a resistencia. A nai achéganos, desde a escena, a memoria silenciada de Lola, Xulia e Amparo, que desde Ribadavia salvaron a vida de centos de persoas fuxidas dos campos de concentración nazis. Unha iniciativa que foi recoñecida nos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda expuxo as actividades e recursos dentro da súa entidade que poderían ser de utilidade para o profesorado: roteiros, guías didácticas, xornadas, conferencias…Unha intensa vida de actividades recollidas na páxina web: https://acalexandreboveda.gal Iniciativas que demostran como a educación pode ser unha ferramenta activa para recuperar, transmitir e reflexionar sobre a nosa historia. Un espazo de intercambio, aprendizaxe e compromiso coa memoria.
Presentouse un recurso para traballar na aula a historia do feminismo: “Feminismos no tempo”; é un xogo de cartas galego (55 naipes) para crear unha liña do tempo con feitos e mulleres relevantes da historia feminista. A colección, ideal para aprender e reflexionar, situando o foco na historia internacional e local de Galicia. Pódese seguir o proxecto na conta de Instagram / feminismosnotempo
A memoria tamén se constrúe nas aulas. Nesta mesa de experiencias, centros educativos e entidades compartiron proxectos reais que levan a memoria histórica ao día a día do ensino. Desde o IES Sánchez Cantón de Pontevedra expuxeron os traballos e actividades nos que achegaron a rapazada á memoria democrática nas aulas, a través de lecturas, cinefórum, podcast e roteiros polos lugares da memoria. Iniciativas que demostran como a educación pode ser unha ferramenta activa para recuperar, transmitir e reflexionar sobre a nosa historia. Un espazo de intercambio, aprendizaxe e compromiso coa memoria.
A memoria das mulleres tamén foi, continuamente, silenciada. Nesta sesión, a xornalista e experta en Memoria Histórica Montse Fajardo presentou Sinaladas, unha proposta que aborda a represión e a loita das mulleres no século XX a través dunha exposición que itinerou por diversos concellos da provincia. Un traballo fundamental para recuperar historias invisibilizadas e integralas no ámbito educativo, promovendo unha mirada crítica e igualitaria sobre o pasado. Unha iniciativa da Deputación da Coruña dispoñible en: https://www.dacoruna.gal/files/2816/8…
Nesta sesión, a escritora e docente Eli Ríos o presentou as unidades didácticas creadas por ela e Beatriz Maceda a partir de Sinaladas, unha proposta que aborda a represión e a loita das mulleres no século XX a través dunha exposición que itinerou por diversos concellos da provincia. Un traballo fundamental para recuperar historias invisibilizadas e integralas no ámbito educativo, promovendo unha mirada crítica e igualitaria sobre o pasado. As unidades didácticas contemplan recursos tanto para Primaria como Secundaria e Bacharelato. Dispoñibles en: https://www.dacoruna.gal/files/5116/8…





