A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMHBarbanza) e colaboración coa Área de Fereitos Civís da Deputación da Coruña, impulsou en abril de 2025 unha homenaxe para recoñecer o papel das “madriñas da guerra” ou “madriñas republicanas”. Estas mulleres foron figuras clave que ofreceron axuda, alimentos e apoio aos presos políticos nos campos de concentración, como o de Rianxo, durante a posguerra. Colaboración na iniciativa o Concello de Rianxo, Nova Escola Galega, O Faiado da Memoria e a Asociación Cultural Barbantia.
“Cada vez é máis necesario lembrar, homenaxear e dar a coñecer estas situacións ante os discursos políticos que as invisibilizan, pois recordar a nosa historia é recordar os sufrimentos que nos traen as guerras, onde se perseguiron ademais a persoas que defendían dereitos dos que agora podemos desfrutar”sinalou a deputada de dereitos civís, Sol Agra,
Esta homenaxe busca visibilizar e dignificar o labor altruísta e solidario destas mulleres.
A iniciativa destacou o valor de Dolores Rodríguez Sende, coñecida como “Lola A Carretera”, quen comezou a axudar os presos sendo unha nena e foi homenaxeada aos 97 anos. A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, dirixida pola deputada Sol Agra, destacou a importancia de poñer en valor a valentía destas mulleres que desafiaron a represión para auxiliar os presos. Esta iniciativa busca manter viva a memoria destas mulleres que, a pesar de non ter relación directa cos detidos, arriscaron a súa seguridade para brindar axuda humana.
“Hoxe estamos aquí para homenaxear a mulleres que puxeron humanidade no horror. Ante a deshumanización dos homes que empezaron unha guerra para rematar cos dereitos da maioría e coas liberdades conseguidas durante a República, estaban mulleres, como Dona Dolores Rodríguez Sende, que representa nesta escultura a moitas outras por toda Galiza, que demostraron o seu compromiso coa dignidade e coa xustiza”. Sol Agra, deputada de Dereitos Civís.
Iniciábase así unha homenaxe na que participaron, xunto coa deputada, o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Carlos Cimadevila e a madriña, Dolores Rodríguez Sende.
Case un século despois, o antigo campo de concentración de Rianxo pasou a albergar unha escultura, obra de Ricardo Dávila, de Dolores Rodríguez Sende, madriña de guerra en representación de todas esas “mulleres que serviron de consolo e apoio para tantos, para homes que perderon a liberdade e moitos a vida, en campos de concentración que se converteron en campos de exterminio”. Por iso, “estamos aquí para recordar e homenaxear, para contar, para louvar, para alegrarnos de ter memoria”, engadía Agra, que agradeceu ás madriñas “que foran fortes para aliviar o sufrimento de tantos a risco do propio sufrimento”, así como a colaboración ao Concello de Rianxo.
Trala inauguración do busto, a xornada trasladouse ao auditorio, onde tivo lugar un relatorio e mesa redonda sobre o papel das mulleres durante a Guerra Civil, o franquismo e a transición coa participación das investigadoras Aurora Marco, Montse Fajardo e María Fernández, expertas en memoria histórica e na loita das mulleres durante a ditadura. Como peche da homenaxe, Bernal Muíños e o grupo Barahúnda puxeron música á memoria e a resistencia.
Velaquí a rolda de prensa de presentación da homenaxe, gravada por Canal Rías Baixas´.














