A Nai é un espectáculo teatral da compañía galega Amorodio Teatro que destaca dentro da escena contemporánea pola súa combinación de teatro documental e autoficción. Dirixida por Marián Bañobre, a obra constrúe unha proposta escénica comprometida, que mestura emoción, humor e reflexión ética arredor da memoria histórica. Foi un dos proxectos selecciónados nos Premios Luísa Villalta en 2022 e a Datación impulsou, así mesmo, vinte actuacions por espazos culturais e centros de ensino da provincia, destinadas á mocidade.
A peza recrea a historia real das irmás Touza —Lola, Julia e Amparo—, tres mulleres galegas que, durante os anos 40, desenvolveron unha rede clandestina de axuda a persoas perseguidas polo nazismo e o franquismo. Dende o seu quiosco na estación de Ribadavia, chegaron a facilitar a fuxida de arredor de 500 persoas, entre elas xudeus, persoas homosexuais, mulleres republicanas e persoas de etnia xitana .
O título da obra fai referencia ao alcume de Lola Touza, coñecida como “A Nai”, figura central desta historia de solidariedade e resistencia. A proposta escénica non se limita á reconstrución histórica, senón que interpela directamente ao público, convidándoo a reflexionar sobre a responsabilidade individual fronte ás inxustizas sociais .
Un teatro para pensar o presente
A Nai é un espectáculo teatral multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor. O espectáculo explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.
Empregando a memoria como ferramenta de análise para o presente, e material de construción para o futuro, trazaremos relacións entre a vida e obra das irmás e as nosas propias vidas, tratando de establecermos un paradigma de acción ética que abra unha vía para construír unha sociedade mellor a través da acción individual.
A Nai consolídase así como unha das propostas máis relevantes do teatro galego actual, ao recuperar historias silenciadas e convertelas en materia escénica viva. A súa capacidade para dialogar co presente, cuestionar discursos de odio e reivindicar valores como a solidariedade e a valentía, sitúaa como unha obra de referencia tanto no ámbito artístico como no social. Velaquí podedes descargar o dossier da obra.







