A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña creo en setembro de 2025 un programa para dar a coñecer as figuras da escritora coruñesa Syra Alonso e do seu home, o pintor tamén coruñés Francisco Miguel, detido e fusilado en Bértoa (Carballo) pola Garda Civil en 1936, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. Presentouse en rolda de prensa na que participaron Sol Agra, deputada de Dereitos Civís; David Lozano, comisario dunha das citas do proxecto, o ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”; Carmen García-Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), e o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
“Recuperar a memoria das persoas asasinadas, represaliadas e exiliadas durante o golpe de estado e a ditadura fascista que o seguiu, é unha obriga das administracións públicas. O impulso de políticas de memoria democrática. É un deber indispensábel que neutralice o esquecemento e evite a repetición dos episodios máis negros da historia. O meu obxectivo como deputada de Dereitos Civís é contribuír a recuperar esa memoria esquecida e silenciada, dando a coñecer a verdade e reparando o honor e dignidade das vítimas e das súas familias, para que se faga xustiza histórica”, afirmou Sol Agra na presentacion da iniciativa.
Ciclo de conferencias
O ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”, no que colabora a ARMH, pretende dar a coñecer a vida e obra de Syra Alonso e de Francisco Miguel, así como presentar os “Diarios” de Alonso, recuperados no 2000 pola xornalista Carme Vidal na publicación “A nosa terra” e que veñen de ser reeditados por Alvarellos, con tradución de Anxos Sumai e material inédito da autora.
O ciclo divídese en dúas partes. A primeira, “Francisco Miguel, a vangarda arrebatada”, centrarase na figura do pintor, colaborador das revistas “Alfar” e “Casa de América” e rexente da Librería de Arte na rúa Real da Coruña. Amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe e o muralista mexicano Siqueiros, Francisco Miguel foi tamén ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral. Os restos de Francisco Miguel localizáronse e identificáronse hai agora dous anos e neste mes entregaránselle á familia para darlles sepultura no cemiterio de Santo Amaro.
A segunda, “Syra Alonso e Francisco Miguel: crónica de amor e ausencia”, centrarase na figura da escritora e servirá para presentar os seus “Diarios”, algúns de cuxos exemplares se repartirán nas presentacións.
O programa inclúe quince citas, con este calendario:
15 de setembro, ás 20 horas, no salón de plenos do concello de Sada. Relatores: Jorge Calle, profesor de arte (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e Xavier Correa Corredoira, artista plástico (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Presenta Olga Mahía, da ARMH. Colabora a A.C. Súarez Picallo.
16 de setembro, ás 19 horas, no Ateneo Ferrolán. Relator: Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor (“Francisco Miguel, vida, arte e crime”). Presenta Xulio Valcárcel, poeta e crítico de arte. Colabora a Asociación Fuco Buxán.
17 de setembro, ás 19 horas, no Museo Fundación Eugenio Granell, de Santiago de Compostela. Relator: Miguel Anxo Fernán-Vello (“Francisco Miguel, vida, arte e crime”). Presenta, David Lozano.
18 de setembro, ás 20 horas, no Museo de artes do gravado á estampa dixital, de Artes (Ribeira). Relator: Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte (“Francisco Miguel e a necesaria recuperación da memoria artística de Galicia”). Presenta Xoan Pastor Rodríguez, director do museo.
19 de setembro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume. Relator: Xavier Correa Corredoira (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Colabora o Ateneo Fernán Martíns, de Pontedeume. Presenta Olga Mahía.
22 de setembro, ás 19 horas, na Biblioteca Municipal Forum Metropolitano, da Coruña. Relatora: a investigadora Carmela Galego (“Francisco Miguel na articulación dunha modernidade galega truncada”). Colabora a Asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, da Coruña. Presenta David Lozano.
25 de setembro, ás 19 horas, no Centro Social de Boiro. Relator: Serxio Castro, da ARMH, arqueólogo xefe da exhumación (“O traballo para a recuperación dos corpos de Francisco Miguel e os tres represaliados na foxa de Bértoa (Carballo) pola ARMH”. Presenta David Lozano. Colabora a Asociación Memoria Histórica de Barbanza.
26 de setembro, ás 11 horas, na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, da Coruña. Relatores: Jorge Calle, profesor de Arte (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e Xavier Correa Corredoira (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Presenta Carmen García-Rodeja.
30 de setembro, ás 19.30 horas, no Pazo das Torres, de Oleiros. Relatores: Jorge Calle (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e David Lozano (“Voltar do esquecemento: Á procura de Francisco Miguel”). Participa tamén Regina de Miguel Gila. Presenta Carmen García-Rodeja. Colabora o Concello de Oleiros.
1 de outubro, ás 19.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, de Carballo. Presentación dos “Diarios” de Syra Alonso; con Carmela Galego e con Regina de Miguel Gila. Colabora o Concello de Carballo.
3 de outubro, ás 19.30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña. Presentación dos “Diarios” de Syra Alonso; con Carmela Galego e con David Lozano. Colabora a Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
14 de outubro, ás 19.30 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña. Relator: Conrado Arranz, investigador especializado en Syra Alonso (“Syra Alonso y los caminos ‘íntimos’ de la escritura del exilio español en México”). Presenta Carme Vidal.
14 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa do Pescador, de Malpica. Olga Mahía e Carmen García-Rodeja presentan os “Diarios” de Syra Alonso. Colabora a Confraría de pescadores de Malpica.
15 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Carral. Inmaculada Otero, docente e crítica literaria, e Carmen García-Rodeja presentan os “Diarios” de Syra Alonso. Colabora a Asociación Cultural Cultura Aberta, de Carral.
20 de outubro, ás 19 horas, na Biblioteca Central María Pita, de Cambre. Inmaculada Otero presenta os “Diarios” de Syra Alonso.
Outras actividades
Co gallo da entrega á familia dos restos de Francisco Miguel, que serán soterrados o 29 de setembro no cemiterio coruñés de Santo Amaro, a área de Dereitos Civís colabora na colocación da lápida funeraria en lembranza do pintor.
O departamento que dirixe Agra deseñará ademais, en formato dixital e tamén para a impresión en papel, tres rutas polas localidades da Coruña, Oleiros e Carballo sobre a figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso; rutas que recolleran o lugar onde naceron, onde viviron os seus mellores anos ‒na que eles chamaban “a casa da felicidade”‒ e onde asasinaron o pintor.
A ruta da Coruña pódese descargar AQUÍ.
A ruta de Oleiros pódese descargar AQUÍ.
A ruta de Carballo pódese descargar AQUÍ.
O programa inclúe unha presentación, en dixital e impresa, sobre a vida e obra de Francisco Miguel, para a súa difusión e distribución en centros educativos e entidades sen ánimo de lucro, centros socio culturais públicos e outras asociacións.







