“Mover os marcos” é unha iniciativa da Deputación da Coruña que promove encontros, espazos no que a xente nova poida debater sobre temas cruciais como as relacións sociais, a saúde mental, a memoria, o medio ambiente, o deporte, as ruralidades, a literatura ou a tecnoloxía, entre outros. Celebrado en Santiago de Compostela , este encontro ten como obxectivo crear un espazo compartido de debate onde as asistentes participan activamente na creación de novas ideas, debaten sobre o establecido, aportan olladas novas e atopan novos prismas dende os que mirar.
“Esta xornada é un encontro ao redor dunha idea que temos clara na Deputación: hai unha nova xeración que xa está a protagonizar un cambio de fondo, profundo, no modo de vivir e de sentir Galiza, que quere pensar, ademais, noutras formas de vida máis humanas e sostíbeis. E para iso hai que mover moitos marcos. Sobre todo os marcos mentais que ás veces nos condicionan ou impiden avanzar. Esta nova xeración, este encontro que imos celebrar, está xa a mover todos eses marcos e a pór en marcha un novo país”. Natividad González, deputada de Cultura.
A Prim eira edición do evento propiciou espazos de conversa, con capacidade reducida que faciliten a participación do público, da man de nomes como Laura Veiga, Paula Vilaboy, todomal.gal, Arantxa Vicens, Leti da Taberna, Pradorua, Agareso, Priscila Retamozo, Iván Iglesias, Nuria Vil, Marisol Arias, Tania Sánchez, Bruno Arias, Galiza no Pixel, Olaxonmario, Afra Torrado, Lixo Atelier, A Casa das formigas, A Talangreira do Beque, Exército Mekemeke e ‘Xeración Alfa’ ou Sergio Marey.
Como preludio ao encontro, a Sala Capitol de Santiago acolleu unha xornada musical coas actuacións de Alana e Momboi.
Velaquí o vídeo promocional da xornada.






