Proxectos e outras iniciativas

NON CALARÁS! As revoltas das mulleres

Captura de pantalla 2026 05 01 a las 12.29.01

En decembro de 2024 a Área de Igualdade da Deputación da Coruña concedeu o Premio Luísa Villalta ao proxecto NON CALARÁS!, unha iniciativa da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Un traballo de investigación concebido para dar a coñecer os movimientos asociativos e as loitas das mulleres en distintas profesións e contextos.

Non calarás!

NON CALARÁS! é título escollido para facer memoria das loitas esquecidas protagonizadas por mulleres. É este un proxecto para a visibilización social das mulleres, das loitas, dos traballos e das reivindicacións para unha sociedade máis igualitaria e máis xusta. Como di Keina Espiñeira no limiar da publicación, a historia escribiuse sempre con ausencias, con omisións, con voces afogadas que quixeron esquecer. Pero as pegadas quedan, por moi fondo que as enterren, e a memoria ábrese paso, teimuda e insistente.

NON CALARÁS! É un traballo de investigación e de produción de contidos para pór en valor o papel histórico no movemento obreiro e asociativo e nas reivindicacións de melloras sociais e laborais realizados polas mulleres amosando as distintas redes de apoio creadas polas traballadoras ao longo do século XX que dan conta un forte movemento de empoderamento das mulleres.

Unha ducia de historias para non esquecer máis tamén para homenaxear e reivindicar a REBELDÍA GALEGA. Reivindicamos, mais tamén festexamos ser herdeiras dunhas mulleres que nunca quedaron caladas:

  1. As revoltas das mulleres.
  2. As lavandeiras
  3. As chambonas
  4. As costureiras
  5. Vendedoras de peixe
  6. Irmandiñas
  7. Mandadeiras
  8. El progreso feminino
  9. As cigarreiras
  10. As labregas
  11. Hijas de Galicia
  12. As cantareiras

Once colectivos de traballadoras, e un capítulo final para as cantareiras como homenaxe a aquelas mulleres que usaron o canto para preservar o noso maior tesouro: a lingua.

As miñas mans son de ouro,
heinas de mandar dourar,
saben tocar o pandeiro
tamén saben traballar.

(Cantada por Genara e Estrela de Seaia, Malpica de Bergantiños)

Acabada a fase de investigación o proxecto atópase en fase de divulgación do traballo, que consiste nunha publicación, unha exposición na rúa e un roteiro, ademais de presentacións a colectivos diversos. Universidade, institutos, asociacións veciñais…

Velaquí se pode descargar en PDF a publicación realizada pola AC Alexandre Bóveda para contar brevemente historias con moita forza dunhas protagonistas que souberon tecer redes e traballaren en común, mais cuxos relatos ficaron frecuentemente na néboa do tempo.

Scroll ao inicio