Exposicións
ANO 2025

Relembrando a Trini

lembrando a trini coruna

A Biblioteca Municipal Durán Loriga da Coruña, acolleu durante o mes de xaneiro de 2025 a exposición‘Relembrando a Trini’, unha iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña para homenaxear a Trinidad Falcés, histórica activista trans coruñesa, pioneira e figura esencial na loita polos dereitos do colectivo LGBT. No acto de inauguracion interviron a deputada de Igualdade, Sol Agra; o comisario da mostra, Sergio Marey, e Fito Ferreiro, da Asociación Palestra.

‘Relembrando a Trini‘, artéllase arredor dun armario onde se ordenan obxectos persoais de Falcés —fotos, roupa, bixutería— e documentos como entrevistas ou os certificados dos seus ingresos nas cárceres franquistas pola súa condición cuir. O visitante poderá percorrer a instalación para reconstruír a figura e vida de Trini: prostituta, artista e, sobre todo, símbolo da loita pola integración e a diversidade sexual. Figura destacada na primeira marcha LGBT do estado español —que se celebrou en 1977 en Barcelona, cidade na que residiu durante tres décadas—, presa cinco anos —deles, dúas veces e máis de cinco meses nun campo de concentración de homosexuais en Badajoz—, Falcés recibiu en 2019 o premio Marcela e Elisa, que concede a asociación ALAS, e faleceu na Coruña en agosto de 2022.

“Este proxecto é un xeito de continuar co labor que levo facendo coas miñas últimas creacións. Trini é un proxecto investigacional, pero tamén de creación. Agradezco á Deputación porque esta investigación está a facer mella na miña conciencia. Para min cambiou totalmente a perspectiva de moitas cuestións que xa estaban presentes, como a realidade trans ou o exilio”. Sergio Marey, comisario da mostra.

A mostra non é a primeira iniciativa da Deputación para reivindicar a Falcés, como explicou Sol Agra na súa intervención: “En 2022, recollemos un pouco da historia de Trini, contada por ela mesma, no libro antolóxico Memoria diversa, que Eva Mejuto preparou despois do primeiro congreso do mesmo nome que organizamos desde a área de Igualdade”. “Pero non nos chegou”, engadiu, “porque a historia de Trini merecía unha homenaxe, un recoñecemento á súa decisión e loita polos dereitos de todas nós, pois os dereitos de quen non se resigna á norma que a sociedade e as leis impoñen son os dereitos de todas as persoas, e permítennos vivir nunha sociedade máis xusta e igualitaria”.

A deputada puxo en valor o traballo do seu departamento a prol da igualdade: “Teño a honra de dirixir a mellor área política da Deputación da Coruña: Igualdade, Lingua e Dereitos Civís; tres espazos que ocupan tamén, as máis das veces, as marxes, porque desde a ‘corrección’ política nos queren invisibilizar para sacarnos só nas datas sinaladas, deixándonos existir máis se se nos nota menos, como á xente do colectivo LGBT”.

“A historia de Trini merecía unha homenaxe, un recoñecemento á súa decisión e loita polos dereitos de todas nós, pois os dereitos de quen non se resigna á norma que a sociedade e as leis impoñen son os dereitos de todas as persoas, e permítennos vivir nunha sociedade máis xusta e igualitaria”. Sol Agra, deputada de Igualdade.

A deputada rematou a súa intervención co desexo de que a exposición “axude a coñecer de onde vimos, para que o branqueamento de tempos tan duros como os que viviu Trini non volvan, e para que construamos unha sociedade na que todes poidamos vivir sen medo, sendo libres para ser e sentir”.

Fito Ferreiro, da Asociación Palestra, apuntou que “desde que volveu á Coruña, tocoume ser unha parte importante na súa vida. Era unha sobrevivente. Tiña a capacidade de buscar solución a todos os problemas. Vivía dunha pensión non contributiva, como case tres de cada catro persoas maiores LGTBI”.

No marco da exposición realizáronse, así mesmo, dúas charlas: ‘Situación trans onte, hoxe e mañá’, da activista trans Laura Bugallo, e ‘Cuiruña e a importancia da literatura cuir’, de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña.

A homenaxe completou con dúas charlas máis, nas que Marey e Ferreiro falaron sobre a figura de Falcés en Corcubión e en Ribeira.

Data

Venres 10 de Xaneiro 2025

Lugar

Biblioteca Municipal Durán Loriga, da Coruña

Compartir

Scroll ao inicio